Detalles
Racións
2 persoas
Tempo
45 minutos
Dificultade
Fácil
O marmitako é un guiso típico de Euskadi e do cantábrico en xeral, en Cantabria recibe o nome de sorropotún ou marmita. A súa orixe ven dos pescadores ou arrantzales en Euskera e hoxe en día é un dos pratos máis coñecidos da gastronomía vasca. Elaborase xeralmente con bonito ou atún e patacas nunha marmita a lume baixo. Aínda que sexa un guiso a súa temporada alta é durante o verán que é cando se pesca o bonito do norte no cantábrico.
Ingredientes
350 g de atún
2 patacas
1 pemento vermello
2 pementos verdes pequenos
1 cebola
3 dentes de allo
1 tomate maduro
1 vaso de viño branco
(preferiblemente txakoli)pemento picante en pó
Pasos
- Lavamos e cortamos os pementos e a cebola en anacos.
- Nunha pota con aceite botamos os allos e dourámolos a lume baixo. A continuación engadimos as verduras cun pouco de sal e refogámolas a lume baixo durante 20 minutos.
- Cortamos o tomate en anacos, podemos pelalo se queremos e botámolo na pota coa cebola e o pemento. Continuamos refogando outros 5 minutos.
- Pelamos as patacas e botámolas na pota escachandoas en anacos coa punta do coitelo. Ao romper a pataca deste xeito en lugar de cortalas directamente co coitelo conseguimos que a pataca libere o seu almidón e que espese o guiso.
- Botamos unha culler de sobremesa de pemento en pó e refogamos durante 10 minutos as patacas coas verduras para caramelizar os seus azucres.
- Engadimos o vaso de viño e deixamos refogando 5 minutos até que evapore o alcohol.
- Cubrimos con auga, rectificamos o sal e deixamos cocer todo uns 15 ou 20 minutos a fogo suave até que as patacas estean ben cocidas e o guiso espese un pouco. Apagamos e retiramos do lume.
- Cortamos o atún en dados e engadímolo a pota, deixámolo 10 minutos para que se cociñe no propio calor do guiso. Ao cociñalo así o atún non se seca e queda super tenro.