Detalles
Racións
2 persoas
Tempo
55 minutos
Ingredientes
2 lombos de bacallau
1 porro
½ cabaza
2 allos
3 caienas
1 chorriño de leite
aceite
sal
pementa
Pasos
- Comezamos pelando a cabaza e tirándolle as sementes, cortámola en anacos e reservamos. Lavamos tamén o porro e cortámolo en toros. Nunha pota cun chisco de aceite rustrimos o porro e a cabaza uns minutos, logo cubrímolos con auga e un chisco de sal e cocemos uns 25 minutos.
- Pasado este tempo comprobamos que están brandiños, escorrémolos e triturámolos cun batedor para facer o puré. Despois de triturar as verduriñas, botámoslle sal, pementa negra moída e un chorriño de leite para darlle unha textura máis suave, remexemos ben e reservamos.
- A continuación imos preparar o bacallau, comezamos limpándoo e secándoo ben cun pano de papel. Para confeitalo, botamos nunha pota non moi grande o suficiente aceite para cubrilo e poñémolo a fogo medio, cando comece a burbullar o aceite engadimos os dous lombos xunto cos allos enteiros pelados e as caienas. Deixámolo confeitar uns 20 minutos co lume ao mínimo, pasado este tempo retiramos do aceite e escorrémolo ben.
- Por último para montar o prato facemos unha camiña de puré e colocamos o lombo de bacallau por enriba. Podemos decorar con lascas de allo fritidas e as caienas.




















