Farófias á moda de Nuno

Detalles

Racións

8 persoas

Tempo

30 minutos

As farófias son un doce tradicional portugués, moi popular na zona de Lisboa. Son montañiñas de clara de ovo montada con azucre, lixeiras e esponxosas coma unha nube, que se serven cunha crema feita coas xemas. Na receita tradicional as claras cócense en leite e o doce remátase con canela mentres que na nosa só precisamos un minuto no microondas. Perfumámolas con laranxa e acompañámolas cun caramelo de xemas. O resultado é unha sobremesa suave, fresca e moi sinxela de preparar.

Ingredientes

  • 4 ovos

  • 2 culleres de azucre branco

  • 25 g de azucre moreno

  • 1 laranxa

Pasos

  • Para comezar a preparación cascamos os ovos e separamos as xemas das claras. Nun cunco engadimos o azucre branco, as claras e a reladura da pel de laranxa. Batemos cun batedor de globo, comezando a baixa potencia e subindo até que se monten e debuxen sucos.
  • A continuación, coa axuda dunha culler imos facer montañiñas coas claras montadas e colocámolas sobre un prato. Cando teñamos 4 metémolas no microondas a 400 W durante un minuto. É importante respectar o tempo para que queden ben esponxosas e non se nos pasen. Repetimos o proceso até telas todas cociñadas e deixámolas arrefriar.
  • Para preparar a cobertura, botamos nun cazo o azucre cun chorriño de auga e facemos a fogo baixo até termos un caramelo moi líquido. Cando o teñamos, retiramos do lume e deixamos arrefriar un chisco para non cocer as xemas cando as incorporemos.
  • Posteriormente engadimos as xemas fora do lume e mesturamos cun batedor de globo até que se integren completamente. Por último, voltamos colocar o cazo a fogo moi baixo e cociñamos un par de minutos mentras remexemos constantemente. Servimos as farófias ben frias co mollo que preparamos por enriba.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *