Detalles
6 persoas
60 minutos
Media
Rectangular de 30×21 cm
Esta receita é unha versión do Tiramisú tradicional italiano. No lugar de empregar biscoitos de soleta facemos unha base de biscoito de cabaza similar ao que podería ser o biscoito da carrot cake ou tarta de cenoria e para emborrachalo imos empregar almibre de melocotón en lugar de café.
As claves para facer unha boa crema mascarpone son ter o queixo mascarpone a temperatura ambiente antes de empregalo, montar ben as claras e bater moi ben as xemas do ovo co azucre, até que queden brancas. Ademais cando mesturemos as xemas e as claras co mascarpone debemos ter moito cuidado e remexer suavemente e con movementos envolventes para evitar que perda o aire.
Empregaremos sementes de cabaza para decorar por riba xunto co cacao en pó.
Ingredientes
- Para a base:
4 ovos
100 g de azucre moreno
200 g de fariña
200 g de cabaza crúa pelada
1 sobre lévedo químico
1 culler pequena
de xenxibre en pó1 culler pequena
de canela en pósal
65 g de aceite de oliva
1 bote grande de
melocotóns en almibre- Para a crema mascarpone:
500 g de queixo mascarpone
( a temperatura ambiente)2 ovos
80 g de azucre branco
- Para decorar:
30 g de cacao en pó
puro 100%sementes de cabaza peladas
Pasos
- Pelamos e relamos a cabaza e reservamos.
- Batemos os ovos co azucre con un batedor de varas e engadimos o aceite.
- Tamizamos a fariña e o lévedo e engadimos aos ovos, mesturamos todo.
- Engadimos a cabaza relada, a canela, un chisco de sal e o xenxibre en pó e mesturamos todo até que estea homoxeneo.
- Vertemos nun molde rectangular e metemos no forno, que previamente quentamos a 180 graos, durante 30 minutos. Revisamos que estea feito pinchando con un pau alongado, se sae seco está ben cocido.
- Sacamos do forno e deixamos arrefriar.
- Crema mascarpone
- Separamos as claras das xemas dos ovos.
- Batemos ben as xemas do ovo co azucre cun batedor de varas eléctrico. É moi importante bater ben até que se desfaga o azucre e se poñan case brancas.
- Montamos as claras dos ovos co batedor de varas, primeiro a potencia baixa, engadimos un chisco de sal e subimos a potencia até que estén prontas.
- O queixo mascarpone ten que estar a temperatura ambiente para mesturalo cos ovos, para isto sacámolo do frigorífico un pouco antes de empregalo. Remexemos o queixo mascarpone para que teña todo a mesma textura e engadimos as xemas batidas e as claras montadas. Remexemos todo con unha lingua e con movementos suaves e envolventes para evitar que as claras perdan todo o aire e conseguir así que quede cremoso.
- Montaxe
- Unha vez frío, cortamos o biscoito pola metade con un coitelo grande de serra.
- Escorremos o almibre dos melocotóns e trituramos un melocotón xunto co almibre cun batedor.
- Colocamos a base de biscoito no molde, emborrachámolo co almibre de melocotón e botamos unha capa de crema mascarpone. Colocamos o outro biscoito por riba, emborrachámolo e cubrímolo con máis crema mascarpone.
- Con un coador esparexemos o cacao en pó pola superficie do tiramisú e colocamos as pebidas da cabaza por riba para decorar.
- Cubrimos con papel film e deixamos na neveira como mínimo un par de horas para que arrefríe e tome consistencia.
- Antes de servir podemos esparexer un pouco máis de cacao por riba.