Pasteliños de zamburiñas e porros

Detalles

Racións

4 persoas

Tempo

45 minutos

Dificultade

Fácil

Molde

4 moldes de 13 cm de diámetro

Ingredientes

  • 2 porros

  • 10 zamburiñas

  • 200 ml de nata para cociñar

  • 1 cebola pequena

  • 2 ovos

  • 3 allos

  • perixel

  • pementa negra moída

  • sal

  • 1 lámina de masa follada

  • garavanzos para colocar
    sobre a masa follada

Pasos

  • Cortamos círculos de masa follada duns 15 cm de diámetro e colocámolos nos moldes. Colocamos os garavanzos por enriba da masa follada con papel de forno por abaixo para que sexa máis fácil quitalos. Poñemos os garavanzos por enriba da masa follada mentras o cocemos no forno para evitar que suba.
  • Metémolos no forno, que previamente quentamos a 180 graos, durante 10 minutos. Retiramos os garavanzos e reservamos.
  • Lavamos os porros, cortámolos lonxitudinalmente e logo en anacos non moi grosos, dun centímetro máis ou menos.
  • Cortamos a cebola en brunoise.
  • Botamos un pouco de aceite nunha tixola e botamos os allos en anacos, dourámolos un pouco e engadimos a cebola.
  • Refogamos a cebola a lume baixo cun pouco de sal durante 5 minutos.
  • Engadimos os porros en anacos e refogamos outros 10 minutos a fogo baixo.
  • Sacamos as cunchas das zamburiñas e limpámolas. Engadímolas aos porros e continuamos refogando uns minutos.
  • Batemos os ovos nun cunco e botamos a nata para cociñar, moemos un pouco de pementa negra por enriba e remexemos. Engadimos os porros coas zamburiñas, mesturámolo todo e botámolo nos moldes coa masa follada con cuidado de que todos leven zamburiñas.
  • Metémolos 15 minutos no forno a 180 graos e servimos quentes.