Detalles
Racións
6 persoas
Tempo
3 horas
Dificultade
Media
Ingredientes
- Para o fermento:
125 g de fariña de forza
25 g de lévedo fresco
100 ml de auga morna
sal
- Para a crema pasteleira:
500 ml de leite
3 xemas e 1 ovo
30 g de maicena
75 g de azucre
canela en rama
- Para a masa:
375 g de fariña de forza
10 g de lévedo fresco
150 g de azucre
2 ovos
60 g de manteiga
100 ml de leite
un chorriño de anís
sal
- Para adornar:
1 ovo
azucre
- Para o almíbre:
75 ml de auga
50 g de azucre
20 ml de anís
Pasos
- Para o fermento:
- Tamizamos a fariña e botámola nun cunco, engadimos un chisco de sal e facemos un burato no medio. Engadimos o lévedo e a auga morna pouco a pouco e desfacemos ben o lévedo coa axuda da auga.
- Amasamos durante 5 minutos. Facemos unha bóla e deixámola levedar fora da neveira tapada con un pano toda a noite.
- Para a masa:
- Tamizamos a fariña e botámola nun cunco. Facemos un burato no medio e engadimos o ovo batido, o azucre, o lévedo, un chisco de sal, a manteiga a temperatura ambiente e a metade do leite morno.
- Mesturamos todos os ingredientes até obter unha masa homoxénea. Botamos o resto do leite morno no fermento e disolvemolo un pouco.
- Engadimos o fermento ao resto da mestura e amasamos coas mans durante 5 ou 10 minutos. Podemos botar un pouco máis de fariña se a masa se pega moito as mans.
- Facemos unha bóla e tapámola con filme transparente e un par de panos por enriba. Deixámola levedar durante 2 horas.
- Mentras leveda a masa, facemos a crema pasteleira e deixamola arrefriar. Podedes seguir aquí a nosa receita para facer a crema.
- Pasadas as 2 horas debería ter aumentado o dobre do seu tamaño máis ou menos. Amasamos amodiño para desgasificar un pouco a masa e dámoslle forma final redondeada.
- Volvemos tapala co filme e os panos e deixámola levedar durante 30 minutos.
- Pasado o tempo, debería ter aumentado o seu tamaño o dobre. Facemos uns cortes perpendiculares con un coitelo, deberían ser profundos para poder encher o oco coa crema pasteleira.
- Batemos 1 ovo e pintamos con unha brocha a bola por enriba.
- Nun cunco botamos un pouco de azucre e unhas gotas de auga, mesturamos con unha culler e facemos montonciños de azucre entre os cortes da bola.
- Botamos a crema nunha manga pasteleira e enchemos os cortes da bola pasando duas veces polo mesmo corte: a primeira máis profunda e a segunda por enriba da primeira.
- Metemos no forno, previamente quentado a 170 graos, durante 30 ou 45 minutos. Os últimos 10 minutos podemos cubrila con papel de aluminio para evitar que se queime.
- Finalmente, sacamos do forno e imos emborrachar a bola con un almibre. Para iso botamos a auga co azucre nun cazo e deixámola ferver a fogo medio durante 3 minutos, a continuación engadimos o anís e deixamos ferver outro minuto.
- Finalmente sacamos a Larpeira do forno e, coa axuda dunha brocha, pintamos por enriba co almibre intentando non pintar a crema.
- Deixamos arrefiar un pouco antes de comela. E a desfrutar!!!