Detalles
14 unidades
90 minutos
Os alfajores son unha lambetada típica da maioría dos países hispanoamericanos, pero os arxentinos son dos máis famosos. O alfajor arxentino máis tradicional é o de maicena, elabórase cunhas bolachas moi suaves feitas con fariña de millo e recheas de doce de leite. A maicena mestúrase tamén con fariña de trigo para que sexa máis facil de traballar a masa e mellorar a textura. Nós quixemos probar a facelos con fariña de castaña e o resultado foi incrible!! Ademais do delicioso toque de castaña conseguimos tamén unha receita apta para celíacos!
Ingredientes
100 g de manteiga en pomada
(a temperatura ambiente)100 de azucre glas
2 ovos
1 limón
120 g de fariña de castaña
200 g de maicena
1/2 culleradiña
de extracto de vainilla1/2 culleradiña de fermento en pó
1/2 culleradiña de sal
250 g de doce de leite
coco relado
Pasos
- Peneiramos a fariña de castaña, a maicena e o sal co fermento en pó.
- Nun cunco mesturamos ben cun garfo a manteiga co azucre. Reservamos.
- Lavamos e secamos o limón, relamos a monda evitando a parte branca e reservamos.
- Engadimos á manteiga a reladura do limón e a vainilla. A continuación engadimos os dous ovos e batemos cun batedor de globo eléctrico. Despois botamos a fariña pouco a pouco e imos mesturando até obter unha masa homoxénea. Non amasamos, só mesturamos.
- Facemos unha bóla e envolvémola en film transparente. Metémola no frigo uns 30 minutos como mínimo.
- Cando a masa estea ben fria xa podemos traballala. Para isto botamos fariña sobre unha mesa, e cun rolete estendemos a masa até obter un grosor de medio centímetro máis ou menos.
- Cunha forma redonda cortamos circuliños de masa e imos colocándoos nunha bandexa de forno sobre papel de forno.
- Prequentamos o forno a 155º C sen ventilador e cando academos a temperatura metemos as bolachas, deixámolas uns 7 minutos máis ou menos. Non se poden dourar, teñen que ficar branquiñas.
- Agardamos a que arrefríen. Finalmente, colocándoas sobre a mesa, e con cuidado de non rompelas imos unindo as bolachas de dúas en dúas con doce de leite no medio. Cando as teñamos unidas prememos no medio para estender ben o doce de leite até que sobresaia un pouco polos lados.
- Finalmente pasamos os bordos de doce de leite polo coco relado.