Ñoquis de cabaza con San Simón

Detalles

Racións

2 persoas

Tempo

90 minutos

Os ñoquis ou gnocchi son un tipo de pasta italiana que se fai principalmente con pataca cocida, fariña e ovo. Nesta receita imos darlle unha volta e facelos de cabaza, e en lugar de fervelos en auga cociñarémolos nun mollo de caldo de verduras e queixo San Simón.

Ingredientes

  • Para os ñoquis:
  • 240 g de cabaza
    pelada e sen sementes

  • 1 ovo

  • 175 g de fariña de trigo

  • Para o mollo:
  • 100 g de bacon

  • 1 cebola branca

  • 125 g de champiñóns

  • caldo de verduras

  • 125 g de queixo San Simón

  • sal

  • pementa negra moída

Pasos

  • Comezamos cortando a cabaza en anacos. Colocámola nunha bandexa apta para o forno e asámola durante uns 45 min a 180ºC. Pasado este tempo deberá estar brandiña, se non é así podemos deixala uns minutos máis.
  • Trituramos a cabaza cun batedor e botámola nun cunco grande xunto co ovo e un chisco de sal. Mesturamos todo ben e imos engadindo a fariña pouco a pouco mentres remexemos para que se integre. Amasamos 5 minutos e formamos unha bola. Deixamos repousar na neveira uns 30 minutos cun pouco de fariña por enriba.
  • Unha vez repousada a masa podemos comezar a darlles forma aos ñoquis. Para isto botamos un pouco de fariña na mesa e nas mans para evitar que se pegue e imos collendo anacos de masa e dándolles forma alongada.
  • Cortamos anaquiños do grosor dun dedo e botámoslles un chisco de fariña por enriba. Para formalos podemos empregar unha táboa especial para facer ñoquis ou facelo coa axuda dun garfo, pasando a masa polos dentes deste para conseguir a forma.
  • Deixamos repousar os ñoquis para que se sequen un pouco e comezamos coa preparación do mollo, imos cociñar todo na mesma tixola, polo que precisaremos unha que sexa un pouco grande.
  • Pelamos e cortamos a cebola en brunoise ben finiña. Botámola na tixola cun chisco de aceite e sal e deixámola tapada a fogo baixo até que fique transparente. Neste momento engadimos os champiñóns, lavados e laminados, e o bacon. Cociñamos todo uns minutos até que estean case feitos.
  • Engadimos un pouco de caldo de verduras, o suficiente para cubrir todo, e cando estea quente botamos os ñoquis. Subimos o lume ao máximo para que se evapore o caldo e deixamos cocer uns 3 ou 5 minutos, dependendo do tamaño que lles déramos aos ñoquis.
  • Finalmente engadimos o San Simón en anaquiños pequenos, remexemos todo até que se derreta o queixo e se integre ben co mollo.
  • Servimos cun chisco de pementa moída por enriba.