Crema de mexillóns e curry

Detalles

Racións

4 persoas

Tempo

45 minutos

Ingredientes

  • 1 kg mexilóns frescos
    con cuncha

  • 1 cebola

  • 1 tomate maduro

  • 5 g de xenxibre fresco

  • 2 allos

  • 1/2 porro

  • 2 cenorias

  • 1 pataca pequena

  • 2 culleriñas de cúrcuma

  • 1/2 culleriña de pemento
    doce moído

  • 2 culleriñas de curry

Pasos

  • Lavamos os mexilóns e cun coitelo quitámoslles as barbas.
  • Botámolos nunha pota alta cun pouco de auga, sen chegar a cubrilos, botámoslle un chisco de sal e poñémolos a lume medio até que abran, farano en menos de 5 minutos. Escorrémolos gardando a auga e agardamos a que arrefríen un chisco para quitarlles as cunchas.
  • Nun morteiro, machucamos cunha gota de auga os allos e o xenxibre, pelados e cortados en anacos.
  • Cortamos a cebola en xuliana e poñémola nun cazo a fogo medio-baixo cun pouco de aceite e sal, rustrímola até que estea transparente. Engadimos o allo e o xenxibre esmagados coa auga do morteiro e seguimos refogando.
  • Engadimos despois o tomate, cortado en anacos e pelado, e seguimos refogando mentras remexemos. Engadimos a cúrcuma, o curry e o pemento doce moído, deixamos uns 5 minutos e retiramos do lume. Reservamos.
  • Pelamos as cenorias e a pataca e cortámolos en anacos xunto ao porro.
  • Nunha pota á parte, botamos un pouco de aceite e refogamos o porro, a cenoria e a pataca cun chisco de sal. Pasados uns minutos, cando comecen a dourarse, engadimos a mestura de allo, cebola e xenxibre coas especias e refogamos todo outro pouco.
  • Botámoslle a auga dos mexilóns pasada por un coador e cocemos todo durante uns 10 ou 15 minutos. Se non nos chega a auga dos mexilóns engadimos auga da billa ou caldo de peixe, temos que cubrir as verduras xenerosamente.
  • Cando estean case cocidas as verduras engadimos case todos os mexilons, reservando algúns para presentar. Deixamos uns 4 ou 5 minutos e retiramos do lume.
  • Trituramos moi ben cun batedor, probamos como está de sal e engadimos máis se fose necesario.
  • Se queremos que quede máis fina a crema podemos pasala por un coador chinés coa axuda dun cazo, tamén podemos comela así máis gordiña.
  • Suxírovos presentala en vasiños altos de chopo ou chupito, para tomar como aperitivo queda moi vistosa e é moi cómoda de beber. Podemos botala en pratos ou cuncos tamén para comer con culler se a tomamos como primeiro.