Detalles
Racións
2 persoas
Tempo
30 minutos
Podemos mercar directamente a maionesa picante ou facela nós mesmos mesturando Sriracha con maionesa. A Sriracha é un mollo picante que provén de Thailandia, é moi famoso en Asia e hai uns anos que comeza a ser bastante coñecida en España. Tanto a Sriracha como a Spicy Mayo poderemos atopala en tendas de produtos asiáticos sen ningún problema e tamén en algúns supermercados.
É importante que os corn flakes ou flocos de millo non sexan azucrados.
Ingredientes
400 g de lagostinos
70 g de flocos de millo sen azucre (corn flakes)
2 ovos
aceite de oliva suave para fritir
espetos de madeira
- Para a maionesa picante:
3 culleres de maionesa
3 culleres de sobremesa de Sriracha
1 chorriño de zume de limón
Pasos
- Podemos empregar lagostinos frescos ou conxelados. Se fosen conxelados deixámolos na neveira unhas 10 ou 12 horas até que se desconxelen ou podemos sumerxilos en auga fría durante uns minutos antes de cociñalos. Cando estean desconxelados só temos que escorrelos.
- Comezamos tirándolles a cabeza e a casca aos lagostinos, pero conservando a última parte da cola para decorar.
- Cando os teñamos todos pelados botámoslles un pouco de sal e cravámolos nos espetos de madeira, comezando pola parte da cola. O espeto axudaranos a manipulalos mellor e ademais evitaremos que se encollan ao fritilos.
- Nun prato á parte batemos os dous ovos e reservamos.
- Imos esmagar os flocos de millo para poder rebozar os lagostinos con eles. Podemos esmagalos cun morteiro ou metelos nunha bolsa de conxelar e darlle golpes con un morteiro ou calquera utensilio de cociña até que se desfagan.
- Poñemos a quentar abundante aceite de oliva nunha tixola ou cazo e imos mollando os lagostinos en ovo, logo pasándoos polos flocos até que queden ben cubertos e finalmente fritíndoos até que fiquen dourados.
- Despois de fritilos colocámolos sobre un prato con papel absorvente para tirar o aceite sobrante.
- Finalmente facemos o mollo de maionesa picante. Para iso mesturamos a maionesa coa sriracha e un chorriño de limón, podemos botarlle máis ou menos picante segundo o gusto.
- Servimos os lagostinos nos espetos acompañados do mollo nun cunco. Podemos presentalos colocados nun vaso ou algún recipiente alongado con flocos de millo no fondo para que fiquen máis vistosos.